domingo, 14 de febrero de 2010

PREMIOS GOYA 2010


OS GOYA FALAN GALEGO

Eloy Domínguez Serén

As cifras falan por si mesmas: 4,6 millóns de espectadores e un 26,4% de cota de pantalla converten a gala da XXIV edición dos Premios Goya na máis vista na historia deste certame.
Tralos bos resultados de despacho de billetes cultivados polas producións nacionais en 2009 e unha vez resolto o desbloqueo das axudas ao cine español por parte de Bruxelas, a cerimonia de entrega dos Premios Anuais da Academia converteuse nun perfecto escenario dende o que realizar un chamamento ao compromiso entre os diferentes axentes involucrados no mercado cinematográfico.
Nun discurso rotundo, apelativo e en absoluto compracente, o presidente da Academia de Cine, Álex de la Iglesia, advertiu aos asistentes acerca da necesidade de “ser humildes e estar agradecidos”, así como da obrigación de “pedir perdón por fallar moitas veces”. Tras agradecer o apoio do público durante o pasado ano, o biscaíño asegurou que é o deber de todos “arrimar o ombreiro” para “fortalecer a industria”. Neste aspecto, o cineasta manifestou o seu agradecemento á labor de TVE e invitou ao resto de cadeas de televisión a favorecer a produción española, sentenciando: “non lles pedimos a súa xenerosidade, senón que lles ofrecemos a nosa disposición a traballar”.


O parlamento de De la Iglesia, auténtico triunfador da noite, foi un breve paréntese de moderación, prudencia e reflexión no medio dunha exultante atmosfera de entusiasmo e congratulación. A expectación xerada pola gala deste ano era máxima, e, sen dúbida, o espectáculo estivo á altura das expectativas. Gran parte da culpa do éxito da cerimonia recaeu na figura do seu presentador, Andreu Buenafuente, quen se meteu no peto ao animado auditorio dende a súa primeira aparición, na que recitou un monólogo enxeñoso, hilarante e mordaz.
O showman catalán, que cautivou ao seu público cunha divertidísima montaxe no que participaban algúns dos asistentes á gala, ironizou con perspicacia acerca dalgunhas das particularidades da nova edición dos Goya, dende a coincidencia da data da súa celebración co día de San Valentín ata a súa condición de primeira cerimonia sen publicidade en TVE, pasando pola aparición xuntos de Javier Bardem e Penélope Cruz. Así mesmo, o cómico despachouse a gusto con incisivas chiscadelas a Antonio Resines, Alejandro Amenábar ou á película Yo, también, así como á non asistencia á gala de Pedro Almodóvar, agudizando desde xeito a estupefacción do auditorio ante a abraiante aparición do cineasta manchego.
En efecto, o momento no que Rosa María Sardá anunciou o recibimento a Almodóvar para entregar o premio á mellor película foi o lance máis sorprendente e intenso da velada, con todo o Palacio Municipal de Congresos de Madrid posto en pé para recibir cunha cálida ovación ao fillo pródigo. Talvez o director de Los abrazos rotos xustificase excesivamente no seu discurso os motivos da súa reaparición, argumentando que non puidera rexeitar a oferta ao verse entre o eixo e a roda, pero, sen dúbida, é unha estupenda noticia a (aparente) reconciliación entre Almodóvar e a Academia.
Esta tregua foi posible grazas á tenaz perseveranza de Álex de la Iglesia, un home que demostrou non só ser un cineasta ousado, irreverente e brillante, senón tamén un estratego persuasivo e certeiro. A realidade é que, despois de que o bilbaíno tomase as rendas da Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas en xuño do pasado ano, o cine español viviu baixo a súa presidencia (aínda que non necesariamente grazas a ela) un semestre de esplendor, coa estrea de películas tan exitosas e dispares como Ágora, [REC]2, Spanish Movie, El secreto de sus ojos, Planet 51, Pagafantas, Gordos ou, por suposto, Celda 211, máxima galardoada nos Goya (con oito ‘cabezóns’) e exemplo magnífico de cine español que dinamita calquera tipo de cliché e prexuízo. A película de Daniel Monzón é unha rentabilísima produción de baixo presuposto, enmarcada nun subxénero tan pouco habitual no noso cine coma o drama carcelario. Do mesmo xeito, Celda 211 é unha cinta ‘de autor’ accesible a un público maioritario, así coma un modélico exercicio estético hiperrealista erixido sobre un vigoroso guión.
Pero, ante de todo, este excelente filme é unha maxistral lección de interpretación, cun reparto soberbio, en auténtico estado de graza, tal e como poñen de manifesto os Goya a Luís Tosar (Cospeito, 1971), Alberto Ammann e Marta Etura, e as candidaturas de Carlos Bardem e Antonio Resines. Se o personaxe de Malamadre é, tal e como dixo Tosar ao recoller o seu premio, “un bombón para un actor”, a interpretación do galego é demoledora, arrepiante e hipnótica. Malamadre e Tosar, Tosar e Malamadre, ocupan xa un lugar de honra no imaxinario cinematográfico español e, sobre todo, galego. O actor lucense adicou en galego as últimas e emotivas palabras do seu discurso á súa familia, así coma a tódolos seus amigos “que están no Atlántico, en Santiago e no Matadero”.
Sen dúbida, a noite do 14 de febreiro de 2010 será recordada durante moito tempo polo sector audiovisual galego. Luís Tosar non foi o único triunfador galego da noite, senón que o gran éxito da nosa terra nesta edición dos Premios Goya chegou da man dunha modesta produtora coruñesa, Vaca Films, principal artífice de Cela 211. A pontevedresa Emma Lustres (O Grove, 1975), produtora executiva da cinta, asegurou visiblemente emocionada ao recoller o premio á mellor película: “hoxe creo que é un día moi feliz para Galicia”. Tampouco podemos esquecer o gran papel que desempeña no filme o ascendente actor santiagués Luís Zahera, que se consagra coa súa xenial interpretación do basto Releches, tras participar en obras como O lapis de carpinteiro (Antón Reixa, 2003), Alatriste (Agustín Díaz Yanes, 2006) ou Concursante (Rodrigo Cortés, 2007).
Con todo, non puido pór a guinda ao pastel a cinta Pérez, el ratoncito de tus sueños 2, creada pola produtora galega Castelao Productions, que viu como o premio á mellor película de animación levábao a todopoderosa Planet 51, a película española máis cara ata a data.

1 comentario:

  1. Hola!
    Estou vendo o teu blogue e creo que está bastante ben. Tamén paréceme unha iniciativa moi boa a de publicar en galego pois a nosa lingua case non existe na internet. E este análise da gala dos Goya parece moi completo. E creo que o merece pois a ceremonia deste ano foi das mellores (non coma a dos Oscar, que foi bastante aburrida).
    Por certo, se queres manter o blogue en galego, para que os botóns e demais saian tamén no noso idioma podes utilizar outra plataforma en lugar de blogger (que so ten versión en castelán), coma é a de nireblog, que permite crear blogues en moitísimos idiomas, e tamén levar todos os posts e comentarios dende blogger ao novo blogue.

    ResponderEliminar