viernes, 5 de febrero de 2010

LA CARRETERA - The Road (2009) de John Hillcoat


NON É PAÍS PARA NINGUÉN

Eloy Domínguez Serén

Por que dar un paso á fronte cando o horizonte non revela máis que un gris deserto de morte e devastación? Como ser humano cando a humanidade deixou de existir? Que facer cando xa non hai que facer? Como vivir estando xa morto? Son só algunhas das hipóteses que Cormac McCarthy expón na súa arrepiante, portentosa e intimidante novela The road, gañadora do Premio Pulitzer de novela no ano 2007.
The road é unha sorte de infausta epopea posmoderna, unha desgarradora historia de amor e sacrificio paterno-filial, unha lúcida e cáustica reflexión do principio de homo homini lupus. Un home e o seu fillo emprenden o seu particular éxodo sobre as ruínas dunha civilización extinta, enfrontándose ao galopante axexo da morte.
Pai e fillo peregrinan sobre un tenebroso ermo arrasado, combatendo a fame, o frío e a enfermidade baixo o lacerante recordo dun pasado que se esvaece nas súas atormentadas memorias.Vagan cara ao sur, sempre cara ao sur, aferrándose a un destino incerto onde, talvez, subsista algunha físgoa de vida. A densa e mortecina cinza envólveo todo, anunciando a fin dos tempos.


Non hai tempo, nin espazo, tan só “segmentos de estrada entre árbores mortas”. Unha estrada pola que transitan esfameados antropófagos tribais, sanguinarios, inhumanos.
O pai, pertinaz, suspicaz, ousado, desesperado, disposto a protexer custe o que custe ao seu vástago, o seu compañeiro, a súa “garantía”. “Se el non é a palabra de Deus, Deus non falou nunca”, di o home.
Por que non voarse os miolos como fixeron os demais, pregunta unha lánguida Charlize Theron ao descorazonado Viggo Mortensen antes de ser engulida pola profunda escuridade dun bosque letal.
“Deus non existe e nós somos os seus profetas”, sentenza na obra literaria o personaxe do vello moribundo, encarnado por un estremecedor Robert Duvall na valente, nobre e notable adaptación cinematográfica de John Hillcoat.
O realizador australiano atina ao avogar pola fidelidade á obra do autor de No country for old men e ampárase na complicidade do talento de Viggo Mortensen e Javier Aguirresarobe. O actor realiza un labor inconmensurable coma o severo, obstinado e tenro gardián do convincente e inocente Kodi Smit-McPhee. As conmovedoras actuacións de ámbolos dous son salientadas por un magnífico traballo de maquillaxe.
Pola súa banda, o director de fotografía vasco recrea prodixiosamente a asfixiante, irta e sinistra atmosfera postapocalíptica da novela. Aplaudo tamén a coraxe e acerto do guionista Joe Penhall ao adaptar a obra de McCarthy, dotada dunha prosa pragada de momentos irreproducibles: "Cando todos desaparezamos (...) non quedará ninguén aquí salvo a morte, e os seus días tamén estarán contados. No medio da estrada, sen nada que facer e ninguén a quen facerllo".

No hay comentarios:

Publicar un comentario