lunes, 1 de febrero de 2010

SUNDANCE: ENTREVISTA A RODRIGO CORTÉS


O OURENSÁN RODRIGO CORTÉS
ARRASA EN SUNDANCE

Eloy Domínguez Serén

A mediados de xaneiro, a influente revista estadounidense Variety daba a coñecer a lista 10 directors to watch, dende a que cada ano distínguese a dez cineastas emerxentes aos que seguir de cerca. Este ano, por segunda vez dende que esta lista foi creada en 1996, un director español formaba parte do prestixioso elenco. Tras seleccionar ao canario Juan Carlos Fresnadillo en 2002, Variety fixouse nesta ocasión no galego Rodrigo Cortés, un dos grandes novos valores do noso cine.
Este ourensán de nacemento e salmantino de adopción comezou a súa carreira no mundo do curto, a publicidade e o videoclip, antes de darse a coñecer con 15 días (2001), a curtametraxe máis premiada da historia do cine español. En 2007 debutou na longametraxe con Concursante (2007), unha das obras máis virtuosistas, orixinais e enxeñosas dos últimos anos.
A súa segunda longametraxe, Buried, foi a gran sensación da recente edición do Festival de Sundance, referencia mundial do cine independente. Tal foi o éxito que obtivo esta cinta entre crítica e público que, apenas unhas horas logo da súa estrea en Sundance, a compañía norteamericana Lions Gate comprara xa os dereitos de distribución deste thriller, tras puxar, entre outras, coa poderosa Fox Searchlight.

Defíneste coma un fanático da montaxe, marca de identidade da túa obra. Con todo, tamén é característico do teu cine unha brillante construción dos diálogos e gags. Realizador, guionista, montador, compositor e ata actor. Soa a cineasta total.
Soa a máis do que é. Sinxelamente concibo a narración cinematográfica en función de tódalas ferramentas do seu vocabulario. Cando traballo sobre unha película imaxino as escenas no seu acabado definitivo, de modo que a miúdo sinto que comezo a montar no momento en que tecleo o guión ao comezo do proceso, e na rodaxe recollo a materia prima necesaria que me permitirá elaborar a torta axeitada. Para min son só fases dun único proceso narrativo. Non creo que esta sexa a forma en que deben facerse as cousas, só é a forma en que eu as entendo.

15 DÍAS e CONCURSANTE desmenuzan a dinámica do sistema financeiro a través de puntos de vista case opostos. Son ámbalas dúas diferentes caras dunha mesma moeda?
Son traballos que elaborei en momentos diferentes e que non teñen unha localización consciente en ningún opus soñado. Pero é certo que o traballo dun a miúdo acaba definíndoo. Supoño que ámbalas dúas reflicten unha perspectiva vital e unha opinión sobre o mundo, ou sobre unha das caras do mundo. E os extremos tócanse. Postos a improvisar unha triloxía innecesaria, eu sumaría DIRT DEVIL, seguramente o mellor curto de aspiradoras dos últimos tempos.
Luís Zahera gañouse o corazón do público galego co seu personaxe de Petróleo en MAREAS VIVAS e a súa carreira non deixou de progresar dende entón con papeis coma os de O LAPIS DO CARPINTEIRO, CELA 211 ou a propia CONCURSANTE. Que poderías dicirme deste actor?
É un auténtico animal actoral, difícil de domar, de poderosa intuición. A súa creación en CELA 211 é verdadeiramente intimidante.

A premisa de BURIED sitúa a acción nun único espazo narrativo predominante. Como desenvolverás o teu virtuoso repertorio visual no interior dun cadaleito?
O meu único mérito foi considerar o cadaleito coma unha localización calquera, sen encerrarme en límites mentais e tratando de manterme refractario ao sentido común, de modo que se inventaron modos para despregar calquera recurso que axudase ao espectador a proxectarse no interior do cerebro angustiado de Ryan Reynolds. Se facía falta un plano con guindastre, inventábase o modo. Se facía falta un travelling de achegamento salvaxe cámara ao ombreiro para salientar unha reacción ansiosa, inventábase o modo. Hai movementos que circundan por completo ao personaxe, cámaras que se envorcan, filmacións furtivas dende ocos privilexiados. Ou ben a cámara permanece estática durante durante catro minutos de diálogo emocionante. O sentido da narración e a procura de emocións específicas marcaron o camiño.

Talvez o personaxe de “A Noiva” de KILL BILL puidese dar un par de consellos a Ryan Reynolds sobre como saír de alí?
Seguro que si. A min servíronme. Está claro que Tarantino sente unha preocupante fascinación polos enterramentos en vida (dedicou un capítulo completo de C.S.I. ao asunto), que, en realidade, responde a un terror atávico presente no home dende Deus sabe cando. Poe sentiu esa fascinación. Hitchcock sentiuna. Cando vin a secuencia que mencionas, fai uns anos, considereina de inmediato como a mellor escena xamais filmada dentro dun cadaleito. Era brillante e fascinante a partes iguais. Ao volver vela fai uns meses, penséi: «foron sete minutos magníficos, pero foron sete; estás seguro de poder prolongar esa agonía outros 85 minutos?».

Que supuxo para ti a inclusión do teu nome na prestixiosa lista 10 DIRECTORS TO WATCH, de Variety?
Unha cazadora, polo visto, e un pequeno trofeo. Fóra diso, non teño nin idea. Ninguén vai achegarse cun maletín repleto de billetes porque comprou o Variety esa mañá e sentiu un impulso irrefreable. En termos prácticos, colócache durante un instante nun pequeno taburete que permite que a industria internacional vírese un instante cara a ti cando alguén fai soar a campá. Iso pode ser bo e pode ser malo. E pode ser irrelevante. Veremos

Se citase entre as túas influencias a Martin Scorsese, Thelma Schoonmaker, David Fincher ou Chris Marker. Que tal iría encamiñado?
Sempre sentín unha especial atracción polos directores «de montaxe». Nesa lista podes engadir a Eisenstein, Buster Keaton, Hitchcock ou Orson Welles. Pero sinto un entusiasmo equiparable cara a cineastas tan diferentes entre si como Rohmer, Kubrick, Ophüls, Carpenter, Ozu ou Walsh. Só hai dous xéneros: películas boas e películas malas. E en realidade ocórrenseme bastantes exemplos dos dous tipos cos que gozo sen complexos.

BURIED está arrasando en Sundance, gozando da ovación de crítica e público. É posible manter a serenidade ante unha dinámica de euforia como esta?
Decidín afrontar a estrea con calma, sen expectativas concretas, fuxindo de euforias ou decepcións. Aínda manteño a calma. En realidade, o vivo coma se lle estivese a pasar a outro. É unha sensación estraña.

A compra dos dereitos de BURIED por parte de Lions Gate asegura unha gran distribución a nivel internacional. É esta a maior recompensa que un cineasta emerxente pode obter?
Imaxino que, emerxente ou veterano, un cineasta sempre desexa comunicarse co maior número de espectadores posible. Non necesariamente gustarlles, pero si comunicarse. E sen receptor, non hai comunicación.

Rodrigo Cortés converteuse en sinónimo de risco, orixinalidade e enxeño. Con que nos sorprenderás co teu próximo proxecto, RED LIGHTS?
Non sei se sorprenderei a alguén, pero será unha película moi rigorosa, con elementos sobrenaturais, acerca de como o cerebro humano non parece ser un instrumento fiable para interpretar a realidade. Espero ter a oportunidade de realizala, nunca se sabe que depara de verdade o futuro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario