viernes, 15 de enero de 2010

LA CINTA BLANCA - Das weisse band (2009) de Michael Haneke


A INTIMIDADE COMA
REFUXIO DO MAL

Eloy Domínguez Serén

Cada vez que vou ao cine albergo a esperanza de ver unha película como La cinta blanca. Con todo, lamentablemente, poucos, moi poucos directores logran na actualidade igualar a mestría de Michael Haneke para estimular e involucrar ao espectador coa súa obra. Paradoxalmente, Haneke logra o compromiso do seu público mediante o distanciamento, o soado distanciamento brechtiano, vehículo de reflexión cinematográfica de autores como Theo Angelopoulos, Atom Egoyan, Lars von Trier ou, especialmente, Jean-Luc Godard.
As películas de Michael Haneke acompáñanche á casa á saída do cine, esixindo ser reflexionadas unha e outra vez. O cine do austriaco apela, cuestiona e interroga, e xamais permite a indiferenza. A indiferenza non é unha opción cando se foi agredido, perturbado, desafiado, ameazado. Do mesmo xeito que David Lynch, Haneke oculta a ameaza, a perversión e a transgresión nos recunchos da cotidianeidade. Convivimos con ela, envólvenos e axéxanos, pero é invisible aos nosos ollos, e por iso inquiétanos.