viernes, 27 de noviembre de 2009

BUSCANDO A ERIC - Looking for Eric (2009) de Ken Loach


É UN PAXARO?, É UN AVIÓN?
¡É CANTONA! 

Eloy Domínguez Serén

Aínda que a miúdo caemos no erro de referirnos como “hoolingan” a calquera siareiro inglés, é importante discernir entre este termo e o de “supporter”. Mentres que o primeiro, en efecto, responde exclusivamente ao perfil de afeccionado británico de comportamento violento e agresivo, “supporter” é o equivalente anglosaxón de siareiro, seguidor ou fan. Deste xeito, Buscando a Eric (Looking for Eric), último filme de Ken Loach, é unha homenaxe a esa figura, a do “supporter”, ese amante incondicional que venera as súas cores domingo tras domingo con inesgotable paixón e devoción.

Eric Bishop é un pobre diaño aflixido e melancólico que se gaña o pan como carteiro en Manchester. A vida de Eric é unha auténtica ruína, ata tal punto que foi privado incluso da cousa que máis feliz o fai no mundo: ver un partido do seu amado Manchester United en Old Trafford, o chamado “Teatro dos Soños”.

jueves, 12 de noviembre de 2009

ALGO PASA EN HOLLYWOOD - What just happened (2008) de Barry Levinson


A CATIVA PELÍCULA DE COMO FACER
UNHA CATIVA PELÍCULA

Eloy Domínguez Serén

Nunha das primeiras secuencias de Algo pasa en Hollywood, un produtor escravizado polo móbil e o reloxo (Robert De Niro) rexeita un guión protagonizado por un florista, asegurando ao seu autor que esa historia “non é unha película”. Cara a final do filme, e sen ter lido unha soa palabra da trama, o produtor cambia de súpeto de opinión e acepta o proxecto. Que diferencia houbo entre unha situación e a outra? Que cambiou? Sinxelo. No segundo caso introdúxose a palabra máxica: star.
O Hollywood retratado nesta cinta é un sufocante enxame no que as abellas obreiras lamen o aguillón dunha raíña chamada star, a encargada de arrastrar a toda a colmea a un turbio panal dourado onde serán espremidas ata colmar a despensa do insaciable apicultor de turno.
Que a meca do cine é un niño de serpes non é ningunha novidade. De feito, absolutamente nada nesta cinta o é. E, a pesares de todo isto, Algo pasa en Hollywood é un produto tan seguro como astuto, aínda que o experimentado e irregular Barry Levison faga mofa da industria cinematográfica norteamericana ao completo (el incluído) cunha cativa película sobre como facer unha cativa película. A iso chámoo eu predicar co exemplo.