viernes, 12 de febrero de 2010

UN HOMBRE SOLTERO - A single man (2009) de Tom Ford


UN FASTOSO SPOT
DE 99 MINUTOS

Eloy Domínguez Serén

O campo da pragmática é fascinante. A pesar da literalidade coa que se traduciu ao castelán o título da película A single man, ópera prima do gurú da moda Tom Ford, certas connotacións do título orixinal esvaécense coa tradución; unha perda coñecida coma “lost in translation”.
En efecto, aínda que single pode traducirse coma solteiro, este termo anglosaxón tamén equivale a ou único. Os tres diferentes significados deste vocábulo axústanse con precisión á identidade de George Falconer, protagonista da novela homónima de Christopher Isherwood na que se basea a cinta de Ford.
Presentada o pasado 11 de setembro no Festival de Venecia, no que o actor Colin Firth foi premiado coa Copa Volpi ao mellor actor, este drama introspectivo, impregnado polos códigos visuais do spot publicitario, é un sofisticado exercicio estético tan excesivamente pomposo como maxestuosamente elegante.
A espléndida fotografía do barcelonés Eduard Grau, a exquisita música do polaco Abel Korzeniowski e a montaxe fraccionado de Joan Sobel outorgan a esta obra unha plasticidade fastosa, amplificada por un ostentoso labor de vestiario e maquillaxe, marca de identidade de Ford, soado pola súa contribución ao resurximento da firma italiana Gucci nos anos noventa e polas súas campañas para Yves Saint Laurent.


Con todo, Un hombre soltero fraquea cando se somete a unha análise que traspasa a radiante epidermis da súa posta en escena. Tanto Colin Firth como Julianne Moore realizan un traballo admirable encarnando ao impecable George e á queixosa Charley, respectivamente, pero a arquitectura dos seus personaxes non logra explotar ao máximo as calidades interpretativas de ámbolos dous actores.
Estas limitacións están condicionadas polo limitado tempo narrativo da historia, na que apenas transcorren vinte e catro horas, dende o alba dunha mañá lectiva ata o amencer do día seguinte.
Con todo, a pesares de certas carencias do guión, o actor británico, omnipresente na obra, conmove na pel do ególatra profesor universitario homosexual abatido pola accidental morte da súa parella.
Gran parte do atractivo desta cinta reside na fascinación que Tom Ford demostra pola sedutora beleza dos seus personaxes, especialmente acentuada nos casos de Nicholas Hoult, Keri Lynn Pratt ou do modelo bilbaíno Jon Kortajarena a través de sensuais primerísimos planos e planos detalle nos que o autor recréase cun expresivo xogo de cromatismo e a saturación, cuxa insistente reiteración acaba por atenuar os seus efectos simbólicos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario