jueves, 11 de junio de 2009

CELDA 211 (2009) de Daniel Monzón


SE NON PODES CON ELES SE UN DELES

Eloy Domínguez Serén

A miúdo insístese na importancia de non obviar a riqueza que debe encerrar a escena inicial dun filme. Máis aló do modo en que se estruturan os mecanismos das 5W, os primeiros minutos dunha película determinan o denominado ton da obra. Por iso, neste aspecto, podemos considerar o comezo de Cela 211 como unha auténtica declaración de intencións por parte do seu director, Daniel Monzón.
A primeira secuencia deste soberbio drama carcelario é dura, moi dura, case insoportable de ver, e a súa apelación é directa e inmediata: o que hai aí dentro, tras eses muros, son almas que deambulan polo limbo. Asómaste rengueante e botas unha ollada ó interior. Nada de monos laranxas ou camisas de raias. Non hai rastro de Clint Eastwood, Steve McQueen, Brad Davis, Tim Robbins ou Wentworth Miller. No seu lugar dános as costas un tipo coa cabeza rasurada e capucha negra. Cando Malamadre, que así se chama o fulano, dáse a volta, un tembleque apodérase das túas pernas e dás grazas de estar a este lado das reixas.

Apenas sabemos nada sobre o pasado deste personaxe magnético, hipnótico. Ignoramos por que está aí nin canto tempo leva vagando de prisión en prisión, pero do que si estamos completamente seguros é de que Malamadre é o último preso co que nos gustaría topar no noso camiño.
A medida que a narración avanza, este macarra de voz áspera e mirada fulminante vai acumulando unha tras outras as capas que o converten nun personaxe fascinante. Aínda que Malamadre é un volcán en permanente alarma de erupción, acóllese ao seu código de honra con rectitud e integridade. Todo o que ten de rudo e primitivo teno de carismático. Témelo, respéctalo, admíralo, repúdialo. Xéache o sangue sentir como ferve a súa. Cando lle escoitas dicir “ti non saes vivo de aquí”, fascho enriba. Exemplo total de perfecta simbiose entre un personaxe meticulosa e intelixentemente escrito e portentosamente interpretado.
Se Luis Tosar está colosal no papel da súa vida, o seu séquito mantén con firmeza o pulso interpretativo co lucense, cos notables Carlos Bardem, Manuel Morón, Vicente Romero e Luís Zahería (o mítico Petróleo de Mareas Vivas). Ata Antonio Resines aproba con nota no seu papel de violento policía sen escrúpulos. Grata sorpresa tamén a do descoñecido Alberto Ammann, quen non se engurra dando a réplica a Tosar e acaba por saír bastante airoso do seu duelo interpretativo co galego.
Un elenco de actores en estado de graza ao servizo dun guión intenso, intelixente, atmosférico. A narración non dá lugar ao respiro, desasosiega, engancha, convence e é o suficientemente consistente como para perdoarlle algunha excesiva volta de torca. Os puntos de xiro convértense en violentos volantazos e arriscados saltos ó baleiro. Todo nesta cina, na que ten unha importante participación a productora coruñesa Vaca Films, sinala nunha mesma dirección: Celda 211 é un exemplo de gran cine de xénero. Amén.
FICHA
Título: Celda 211
Dirección: Daniel Monzón
País: España, Francia
Duración: 110 min.
Reparto: Luis Tosar, Alberto Ammann, Carlos Bardem, Antonio Resines, Luis Zahera, , Manuel Morón
Guión: Daniel Monzón y Jorge Guerricaechevarría, basado en la novela de F.P. Gandull
Fotografía: Carles Gusi
Montaxe: Cristina Pastor
Música: Roque Baños

No hay comentarios:

Publicar un comentario