viernes, 15 de enero de 2010

LA CINTA BLANCA - Das weisse band (2009) de Michael Haneke


A INTIMIDADE COMA
REFUXIO DO MAL

Eloy Domínguez Serén

Cada vez que vou ao cine albergo a esperanza de ver unha película como La cinta blanca. Con todo, lamentablemente, poucos, moi poucos directores logran na actualidade igualar a mestría de Michael Haneke para estimular e involucrar ao espectador coa súa obra. Paradoxalmente, Haneke logra o compromiso do seu público mediante o distanciamento, o soado distanciamento brechtiano, vehículo de reflexión cinematográfica de autores como Theo Angelopoulos, Atom Egoyan, Lars von Trier ou, especialmente, Jean-Luc Godard.
As películas de Michael Haneke acompáñanche á casa á saída do cine, esixindo ser reflexionadas unha e outra vez. O cine do austriaco apela, cuestiona e interroga, e xamais permite a indiferenza. A indiferenza non é unha opción cando se foi agredido, perturbado, desafiado, ameazado. Do mesmo xeito que David Lynch, Haneke oculta a ameaza, a perversión e a transgresión nos recunchos da cotidianeidade. Convivimos con ela, envólvenos e axéxanos, pero é invisible aos nosos ollos, e por iso inquiétanos.

O cineasta xermano-austriaco traslada as dúas constantes da súa obra, a violencia e a culpa, a unha pequena aldea protestante do norte de Alemaña durante os albores da Primeira Guerra Mundial. A convivencia dos seus veciños, estruturada nunha xerarquía próxima á do sistema feudal, canaliza algunhas das reflexións que Haneke expón na súa cinta: a orixe do mal, a perversión do ideal, a dobre moral, as consecuencias da tiranía patriarcal, a práctica dunha doutrina férrea, o xerme da ideoloxía nazista ou a inocencia da infancia.
En contraposición á transparencia do poboado de Dogville, de Lars von Trier, a perversidade ampárase na opacidade das paredes, as portas e as fiestras da aldea de La cinta blanca. O mal, latente nos campos de sega, nos poveirentos camiños de terra ou nas ríxidas cerimonias relixiosas, maniféstase na intimidade e alí é onde se refuxia e silencia.
Mortes accidentais, suicidios, secuestros, abusos e torturas de nenos, desgrazas e conspiracións das que ninguén viu nin escoitou nada, incluídos o contido narrador e o desconcertado espectador. Todo iso queda no fóra de campo e, polo tanto, non existe, ou, polo menos, así é para unha comunidade cuxas aspiracións atenden ás indicacións dun aristócrata e un terratenente e cuxas vontades responden a unha moral inflexible, corrupta por un sistema educativo cruel e intransixente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario