viernes, 27 de noviembre de 2009

BUSCANDO A ERIC - Looking for Eric (2009) de Ken Loach


É UN PAXARO?, É UN AVIÓN?
¡É CANTONA! 

Eloy Domínguez Serén

Aínda que a miúdo caemos no erro de referirnos como “hoolingan” a calquera siareiro inglés, é importante discernir entre este termo e o de “supporter”. Mentres que o primeiro, en efecto, responde exclusivamente ao perfil de afeccionado británico de comportamento violento e agresivo, “supporter” é o equivalente anglosaxón de siareiro, seguidor ou fan. Deste xeito, Buscando a Eric (Looking for Eric), último filme de Ken Loach, é unha homenaxe a esa figura, a do “supporter”, ese amante incondicional que venera as súas cores domingo tras domingo con inesgotable paixón e devoción.

Eric Bishop é un pobre diaño aflixido e melancólico que se gaña o pan como carteiro en Manchester. A vida de Eric é unha auténtica ruína, ata tal punto que foi privado incluso da cousa que máis feliz o fai no mundo: ver un partido do seu amado Manchester United en Old Trafford, o chamado “Teatro dos Soños”.

Depresivo, solitario, desgastado, apagado, nostálxico… Eric trata de consolarse narrando as súas desgracias a un póster en tamaño real do seu autántico ídolo, polo que sinte unha admiración desbordada: o carismático Eric Cantona, quen, tras unha noite de marihuana, sae do póster para erixirse en confidente e anxo da garda do protagonista.

A prolífica dupla formada polo realizador Ken Loach e o seu guionista habitual, Paul Laverty, parte desta singular e lixeira premisa para construír unha entrañable comedia que apela con calidez, humanidade e optimismo a valores como a amizade, a familia, a camaradería, o compromiso ou a esperanza.

Loach e Laverty conciben a amable e peculiar amizade entre ámbolos dous Erics para indagar na natureza das relacións humanas a partir de factores como a admiración, a autoestima, a perda, o arrepentimento, a fe, a incomunicación, o fracaso, a perseveranza ou o alento.

Buscando a Eric é tamén unha reflexión acerca da madurez, o envellecemento e a vitalidade dunha cuadrilla de vivaces quincuaxenarios que basean a súa relación na unión, o apoio mutuo, a nobreza e a lealdade. Trátase de personaxes próximos, honestos, espontáneos, case sempre retranqueiros e a miúdo ordinarios. En fin, avoíños de carne e óso que se empeñan en demostrar que lles queda corda para longo, especialmente no caso do voluntarioso e divertido carteiro adicto aos libros de autoaxuda.

Ken Loach demostra con esta cinta que, cando non se pon transcendental, tamén pode ser deliciosamente entretido. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario