jueves, 12 de noviembre de 2009

ALGO PASA EN HOLLYWOOD - What just happened (2008) de Barry Levinson


A CATIVA PELÍCULA DE COMO FACER
UNHA CATIVA PELÍCULA

Eloy Domínguez Serén

Nunha das primeiras secuencias de Algo pasa en Hollywood, un produtor escravizado polo móbil e o reloxo (Robert De Niro) rexeita un guión protagonizado por un florista, asegurando ao seu autor que esa historia “non é unha película”. Cara a final do filme, e sen ter lido unha soa palabra da trama, o produtor cambia de súpeto de opinión e acepta o proxecto. Que diferencia houbo entre unha situación e a outra? Que cambiou? Sinxelo. No segundo caso introdúxose a palabra máxica: star.
O Hollywood retratado nesta cinta é un sufocante enxame no que as abellas obreiras lamen o aguillón dunha raíña chamada star, a encargada de arrastrar a toda a colmea a un turbio panal dourado onde serán espremidas ata colmar a despensa do insaciable apicultor de turno.
Que a meca do cine é un niño de serpes non é ningunha novidade. De feito, absolutamente nada nesta cinta o é. E, a pesares de todo isto, Algo pasa en Hollywood é un produto tan seguro como astuto, aínda que o experimentado e irregular Barry Levison faga mofa da industria cinematográfica norteamericana ao completo (el incluído) cunha cativa película sobre como facer unha cativa película. A iso chámoo eu predicar co exemplo.
Por que digo logo que é un produto seguro e astuto? Porque, a pesares de trincar moderadamente a man que lle dá de comer, a pesares de beneficiarse daquilo que trata de ridiculizar, a pesares de constituír unha cadea mal engrasada de tópicos e clichés, a pesares da súa lixeireza e a pesares da súa achega nula ao chamado metacine, todo aquel que participe nesta feble farsa vaise encher o peto. Diso se trata, non? E por que se van encher o peto? Porque no póster da película, ó redor do rostro fatigado de Robert De Niro, emerxen algunhas palabras máxicas: Sean Penn, Bruce Willis, Robin Wright Penn, John Turturro, Kristen Stewart… E a maxia, como todos sabemos, pode facer que un ladrillo refulxe coma un esplendoroso diamante de vintecatro quilates.
De tódolos xeitos, non esquezamos que maxia é sinónimo de ilusión e engano, e, nesta cinta, nin o propio Houdini en persoa sería quen de obter escintileo ningún da chistera dun Robert De Niro que non consigue insuflar vida a un personaxe que se atopa a anos luz do Monroe Stahr que o neoyorkino encarnara en El último magnate, testamento fílmico de Elia Kazan.
Algo pasa en Hollywood rise (con pouca gracia) de todo e de todos, ata das súas propias posibilidades, e esta chufa contaxia tamén a un insólito Bruce Willis, quen non dubida en escarallarse de si mesmo nos que son, sen dúbida, os mellores momentos da película.
FICHA
Título: Algo pasa en Hollywood
Título orixinal: What just happened
Dirección: Barry Levinson
País: Estados Unidos
Duración: 104 min.
Xénero: Drama, Comedia
Guión: Art Linson
Reparto: Robert De Niro, Sean Penn, Bruce Willis, John Turturro, Robin Wright Penn
Fotografía: Stéphane Fontaine
Música: Marcelo Zarvos
Montaxe: Hank Corwin

No hay comentarios:

Publicar un comentario